Proxecto Auga dos Cebros

Proxecto Auga dos Cebros

O petróglifo de Auga dos Cebros é especialmente importante e extraordinario en Galicia pola relevancia histórica deses motivos, que suxiren a existencia de navegacións antigas e quizais incluso prehistóricas. Este conxunto, e outros do seu entorno, presentan múltiples riscos de conservación, de distintos tipos. A colaboración entre diversas institucións, entre as que está a Escola, busca iniciar un proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio para a súa limpeza, documentación, minimización de riscos e presentación ó público, ademais de elaborar un molde dalgúns dos motivos principais.

Os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo de Auga dos Cebros comezan o 22 de xuño cunha actividade que consistirá na limpeza da contorna do gravado. Estes labores previos terán lugar o próximo sábado e contarán coa participación da propia veciñanza, se ben cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas.

O proxecto de elaboración dun molde e réplica de Auga dos Cebros está promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre. Ao mesmo tempo, aproveitaranse os traballos para levar a cabo iniciativas de divulgación e sensibilización patrimonial.

As actuacións desenvolveranse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que  será a encargada de acometer os traballos. Para elo, desprazará un equipo técnico composto por varios membros do  profesorado e alumnado. Os anteditos traballos comezarán o sábado día 22 ás 10.00 horas cunha limpeza  dos arredores do petróglifo. Con esta actividade preténdese retirar a maior parte dos depósitos acumulados na contorna inmediata do sitio arqueolóxico, moitos deles froito do arrastre de materiais xerado polas augas do río.

Nos labores de campo do día 22 participarán membros da Escola, da comunidade de montes de Pedornes e de Costa dos Castros. Así mesmo, e co obxectivo de abrir as actuacións á participación da comunidade local, convócanse 5 prazas para as persoas que desexen axudar  voluntariamente. As persoas interesadas en participar deberán chamar ao teléfono ​689.35.57.13 (as prazas están limitadas a 5, así que seguirase estrita orde de inscrición).

Na mesma liña de promover a participación e sensibilización da veciñanza, para o martes día 25 programarase unha visita guiada na que se explicarán os traballos a desenvolver para a elaboración do molde co que se obterá a réplica de Auga dos Cebros.

Estas actividades, ao igual que o resto do plan de traballo, son susceptibles de sufrir algunha modificación horaria por motivo das condicións meteorolóxicas. No caso de cancelación, avisarase con antelación.

Traballo de campo
Segundo as previsións iniciais, os traballos de campo en Auga dos Cebros  desenvolveranse o sábado 22 de xuño e, posteriormente, na semana que vai do luns 24 ao venres 28. A partires de aí, o persoal da Escola comezará o traballo de gabinete para a elaboración da réplica e a análise dos resultados obtidos.

Ademais da limpeza da contorna e a realización do molde e a réplica, a actuación global inclúe a documentación dixital do xacemento (mediante fotogrametría) e a confección dunha diagnose precisa que permita entender as alteracións pasadas así coma os riscos futuros, entre outras tarefas. Así mesmo, os traballos permitirán avanzar outras medidas de conservación preventiva.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta  mportante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.

O singular petróglifo de Auga dos Cebros
O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea. Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

A colaboración da Escola

Intentando coordinar aspectos docentes e de investigación, a Escola organiza campañas de traballo dirixidas por docentes e nas que o equipo de traballo está formado polo propio alumnado. Estas campañas teñen o obvio interese de continuar o proceso formativo pero trasladando este a un contexto real, entorno moitas veces carente da comodidade do laboratorio e que esixe emprender un labor en condicións máis complexas e próximas á realidade do traballo profesional.