Doazón da biblioteca de D. Manuel Carballal Lugrís
O 14 de xullo de 2020 fíxose efectiva a doazón da biblioteca persoal de D. Manuel Carballal Lugrís á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Manuel Carballal Lugrís, ferrolán de nacemento que viviu boa parte da súa vida en Pontevedra, foi un apaixoado das artes e do coñecemento, paixóns que concretou na creación dunha impresionante biblioteca persoal, de varios miles de libros, que aborda o estudo da arte nas súas máis variadas manifestacións, en todas as épocas e xeografías e dende diversos puntos de vista.
Esta colección, de excepcional calidade e tamaño, foi doada polos seus herdeiros á Escola co fin de manter unido o legado do pai e pensando na súa utilidade para a formación dos estudantes deste centro.
Dende a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia queremos expresar publicamente a nosa admiración polo esforzo realizado por D. Manuel Carballal Lugrís para reunir esta impresionante colección de libros, conxunto modelado con gran esforzo e criterio ó longo da súa vida, coa mesma ardencia cós artistas admirados.
Tamén queremos manifestar o noso público agradecemento á familia pola súa extraordinaria xenerosidade, xa que con esta doazón serán os estudantes e profesionais da conservación e restauración de bens culturais, e o patrimonio cultural a través destes, quen sacará o maior proveito posible desta inmensa colección, convertida xa nun recurso fundamental da nosa biblioteca.
Por último, compartimos unha carta redactada por Dna. Anne Haire en representación da familia:
Cartas de Amor a una Irlandesa o LA HISTORIA DE UNA COLECCIÓN DE LIBROS DE ARTE (premer para acceder ó texto) é un emocionante texto que aporta datos biográficos do coleccionista pero, sobre todo, informa do xerme deste acervo e dá conta de como medrou a colección de libros, coma un membro máis, no fogar de Carballal Lugrís.