Campaña Laxes de Teigube
A Escola comeza hoxe unha campaña de traballo para a Valoración patrimonial do xacemento rupestre de “As Laxes de Teigube”, en Meirol, Mondariz, Pontevedra.
Trátase dunha actuación promovida e financiada polo Concello de Mondariz e a Comunidade de Montes de Meirol, coa colaboración e dirección técnica da Escola Superior de Conservación e Restauración de BBCC de Galicia.
Obxectivos da actuación
Trátase dunha intervención previa que permita definir a relevancia patrimonial dun xacemento rupestre ata agora descoñecido.
Obxectivos específicos:
Con esta campaña preténdese acadr os seguintes obxectivos específicos:
Limpeza xeral do afloramento (vexetación, musgos, depósitos de terra, etc.)
Documentación básica do sitio
Diagnose inicial
Catalogación, protección xurídica
Esbozo dun plan de conservación e xestión
Metodoloxías
A actuación esencial consiste na roza e retirada da vexetación que cobre o xacemento:
esencialmente musgo nas áreas rochosas, e vexetación superior (breixo e outros) nos espazos de maior desenvolvemento edáfico. Así mesmo retirarase madeira, restos de tala e algunha árbore aínda persistente. En espazos con maior potencialidade rupestre, retiraranse restos de terra superficiais, e entre diaclasas.
Documentarase fotográficamente toda a intervención, e particularmente dos elementos rupestres.
En paralelo ao anterior, realizarase unha reportaxe fotográfica con luz rasante (nocturna). Ademais da documentación planimétrica e fotográfica, realizarase un informe de diagnóstico inicial.
No documento final da intervención, ademais de toda a documentación fotográfica xerada, esbozaranse algunhas ideas para a redacción dun plan de protección e conservación do sitio.
Como parte do anterior, xerarase unha ficha de catalogación que se remitirá ás autoridades.
Plan de traballo
O traballo desenvolverase entre os días 6 e 10 de xuño de 2022, en horario continuo de 9 a 17.
Ademais da dirección técnica (Fernando Carrera, Álvaro Arizaga e Alberte Reboreda), o equipo humano permanente estará formado por 8 estudantes da Escola de Conservación.