Recuperación dun elemento decorativo da fonte de Troncoso, Mondariz

Recuperación dun elemento decorativo da fonte de Troncoso, Mondariz

A Escola comeza unha nova campaña de traballo estival adicada, neste caso, á recuperación dun elemento decorativo da fonte de Troncoso de Mondariz.

Os días 16 e 17 de xuño a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia executará en Mondariz-Balneario a realización dun molde e réplica de varios elementos decorativos da varanda de ferro da Fonte de Troncoso, no lugar do Saidoiro. O edificio é do ano 1909 e foi realizado polo famoso arquitecto Antonio Palacios.

Nos últimos anos o abandono desembocou nun paulatino colapso da estrutura, ó que se lle engadiu moi recentemente o roubo dunha parte da varanda de ferro modernista. En concreto, desapareceu un dos postes da escaleira que representa, entre outros motivos, un león alado.

O concello de Mondariz-Balneario, propietario do edificio, autorizou a realización deste molde como unha primeira medida de conservación, pensando nunha futura fase de restauración integral.

O proxecto será executado grazas á colaboración entre o arqueólogo e historiador local Alberte Reboreda e o profesor da Escola especialista en escultura, Xosé Antonio  Quinteiro. O alumnado participante recibirá unha clase práctica en campo e, cumprindo as medidas de seguridade necesarias, admítense tamén visitas de calquera persoa interesada.

A intervención conta coa colaboración do Concello de Mondariz.