Fonte de Troncoso

Fonte de Troncoso

O xoves e venres, 16 e 17 de xuño, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia executou en Mondariz-Balneario a realización dun molde e réplica de varios elementos decorativos da varanda de ferro da Fonte de Troncoso, no lugar do Saidoiro.

O edificio é do ano 1909 e foi realizado polo famoso arquitecto Antonio Palacios. Nos últimos anos o abandono desembocou nun paulatino colapso da estrutura, ó que se lle engadiu moi recentemente o roubo dunha parte da varanda de ferro modernista. En concreto, desapareceu un dos postes da escaleira que representa, entre outros motivos, un león alado.

O concello de Mondariz-Balneario, propietario do edificio, autorizou a realización deste molde como unha primeira medida de conservación, pensando nunha futura fase de restauración integral. O proxecto realizouse grazas á colaboración entre o arqueólogo e historiador
local Alberte Reboreda e o profesor da Escola especialista en escultura, Xosé Antonio Quinteiro acompañado de estudantes de conservación restauración de escultura e arqueoloxía.

A intervención conta coa colaboración do Concello de Mondariz.

Deixa un comentario

O teu email non vai ser publicado