Project Category: Escultura

Home / Escultura
Fonte de Troncoso

Fonte de Troncoso

O xoves e venres, 16 e 17 de xuño, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia executou en Mondariz-Balneario a realización dun molde e réplica de varios elementos decorativos da varanda de ferro da Fonte de Troncoso, no lugar do Saidoiro.

O edificio é do ano 1909 e foi realizado polo famoso arquitecto Antonio Palacios. Nos últimos anos o abandono desembocou nun paulatino colapso da estrutura, ó que se lle engadiu moi recentemente o roubo dunha parte da varanda de ferro modernista. En concreto, desapareceu un dos postes da escaleira que representa, entre outros motivos, un león alado.

O concello de Mondariz-Balneario, propietario do edificio, autorizou a realización deste molde como unha primeira medida de conservación, pensando nunha futura fase de restauración integral. O proxecto realizouse grazas á colaboración entre o arqueólogo e historiadorlocal Alberte Reboreda e o profesor da Escola especialista en escultura, Xosé Antonio Quinteiro acompañado de estudantes de conservación restauración de escultura e arqueoloxía.

A intervención conta coa colaboración do Concello de Mondariz.

Escultura de Colón

Escultura de Colón

En 2012 apareceu a man de Colón dos xardíns de Vicenti, en Pontevedra, “desaparecida” 30 anos antes. O autor do dano, arrepentido, entregara a man a través de Faro de Vigo.

Contactouse coa Escola para recolocar a man, pero durante os estudos chegáronse ás seguintes conclusións: a pesar da súa antigüidade, a man non era orixinal, pero aínda así considerouse que debía colocarse de novo na escultura para reintegrala. Finalmente, debido ao enorme peso e, por tanto, ao trade tan profundo e ancho que habería que practicar no brazo, determinouse non recolocala senón realizar unha réplica, máis lixeira. Deste xeito, de aparecer no futuro a man orixinal –a cal vemos en fotografías antigas- podería recolocarse con maior seguridade.

Outros tratamentos realizados: estudo do estado de conservación da obra, intervención da escultura de Colón “in situ”. Tratamento da man de Colón e réplica na Escola.

Frontal de baldaquino

Frontal de baldaquino

Frontal de baldaquino procedente de San Pedro de Vilalonga, custodiado polo Museo de Pontevedra. Feito en granito, representa a Epifanía.

A peza atopábase fragmentada en catro partes cando entrou na Escola.

Os principais tratamentos realizados foron: estudo, limpeza, tratamento biocida, desalgación, consolidación puntual, microestucado de gretas, anclaxe dos bloques, adhesión, aplicación de morteiro.

Capitel de Bermés

Capitel de Bermés

Intervención dun dos catro capiteis románicos da igrexa de Santa María de Bermés que custodia o Museo de Pontevedra.

Este capitel, que representa a Daniel no foxo dos leóns, presentaba diversos danos entre os que destacaba a perda de pequenos fragmentos a causa dun golpe.

Na Escola fíxose o estudo previo, limpeza, adhesión dos fragmentos e reconstrucción volumétrica da peza.

Tímpano de Santa María

Tímpano de Santa María

Tímpano da Epifanía de Santa María de Vigo, procedente das Ruínas de San Domingos (Pontevedra). Obra realizada en granito á que, tras os estudos previos necesarios, realizóuselle unha limpeza mecánica en seco, limpeza en húmido, aplicación de biocida, limpeza química e consolidación da capa pictórica presente, como tratamentos principais. A peza estaba fraccionada en dous grandes fragmentos e decidiuse non realizar ningún tratamento de unión, xa que non era necesario para a súa correcta lectura.

San Gregorio

San Gregorio

Figura de San Gregorio Magno procedente das Ruinas de San Domingos de Pontevedra (Museo de Pontevedra).

Escultura en vulto redondo de pedra granítica con presenta restos de policromía e preparación, restaurada na Escola en 2008. Realizouse estudo histórico-artístico, estudo de materiais e técnicas, análise do estado de conservación e intervención (limpeza mecánica en seco e en húmido, eliminación de axentes biolóxicos, limpeza química, desalgación, limpeza da policromía, reintegración matérica e recomendacións de conservación preventiva, principalmente).

Santa Lucía

Santa Lucía

Representación de Santa Lucía procedente de A Xunqueira e tratada na Escola no ano 1997. Feita en granito e tallada nun só broque, destaca a rumentariedade das ferramentas que se aprecia na talla pola súa simplicidade e pola súa tosquedade. Unha vez rematada a parte escultórica comezouse coa pictórica, onde se deu unha preparación para máis tarde poder pintala.

Santa Lucia foi unha doncela dunha familia ilustre de Siracusa (Sicilia) martirizada por orde de Diocleciano a primeiros do seculo IV. Aparece vestida de romana e portando na man dereita a palma do martirio, mentras que na esquerda leva un prato cos ollos. Destaca o detalle do prato en posición vertical acomodandose, tal vez as exisencias do material.

Material científico

Material científico

Na Escola tratáronse diversos obxectos utilizados no pasado para a investigación, como unha balanza pequena con base de mármore, ou para a docencia no ámbito científico, coma un pequeno microscopio do C.E.I de Vieiro (Viveiro) ou unha figura policromada con forma de lagarto disecionado mostrando ou seus órganos internos. Estes obxectos pertencen á colección do Museo Pedagóxico de Galicia.

San Francisco

San Francisco

Escultura de vulto redondo e policromada tallada en madeira de castiñeiro. Procede de San Mamede de Bragade (A Coruña).