A Escola participa durante esta semana nunha campaña de voluntariado para recuperar fotografías danadas pola DANA en Valencia.
Trátase dunha acción para a recuperación do patrimonio danado polas inundacións ocasionadas pola DANA o 29 de outubro de 2024 en Valencia. O obxectivo é colaborar na recuperación do patrimonio persoal con valor histórico, artístico, documental ou social que se viu afectado polo fenómeno da DANA a través do proxecto “Salvem les fotos”.
Este proxecto constituiu unha serie de puntos/laboratorios nas zonas máis afectadas para a recuperación deste material fotográfico. A rede de institucións que o avalan está formada polas cinco universidades de Valencia (Universitat de València, Universitat Politècnica de València, Universitat Jaume I de Castelló, Universitat d’Alacant e Universitat Miguel Hernández d’Elx), o L’ETNO (Diputació de València), o museo de l Horta Sud e o Grupo Español do International Institute of Conservation (Ge-IIC).
Ademais de colaborar na conservación do patrimonio afectado, a través desta acción aspírase a acadar os seguintes obxectivos co alumnado participante:
– Aprender sobre a xestión de patrimonio nunha catástrofe desde cero (recursos persoais, materiais a protexer, organización dos recursos…) ou nunha situación de emerxencia.
– Realizar prácticas de conservación preventiva/activa nun ámbito real de urxencia e catástrofe natural.
– Integrar unha metodoloxía rigorosa de control e organización do material para evitar o caos documental. Reforzar, con iso, a práctica adquirida de necesidade de orde e limpeza nun laboratorio/zona de traballo.
– Vivir unha experiencia de convivencia e desenvolvemento profesional/laboral e persoal.
– Favorecer/promover a solidariedade entre o alumnado, así como un compromiso social, tanto a nivel persoal como profesional.
DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE
Como vén reflectido na web do Ge-IIC: “Como conservadores, restauradores e profesionais de patrimonio cultural non podemos sandar feridos, pero temos a capacidade de rescatar e conservar os seus recordos.”
O grupo está formado por 22 estudantes e a profesora Clara Alonso López e traballarán na recuperación destes recordos durante a semana do 3 ao 7 de marzo de 2025.
Deixa un comentario