Auga dos Cebros

Auga dos Cebros

O petróglifo de Auga dos Cebros é especialmente importante e extraordinario en Galicia pola relevancia histórica deses motivos, que suxiren a existencia de navegacións antigas e quizais incluso prehistóricas. Este conxunto, e outros do seu entorno, presentan múltiples riscos de conservación, de distintos tipos. A colaboración entre diversas institucións, entre as que está a Escola, tiña como obxectivo iniciar un proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio para a súa limpeza, documentación, minimización de riscos e presentación ó público, ademais de elaborar un molde dalgúns dos motivos principais.

Os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo de Auga dos Cebros comezaron o 22 de xuño de 2019 cunha actividade que consistiu na limpeza da contorna do gravado. Estes labores previos contaron coa participación da propia veciñanza.

O proxecto de elaboración dun molde e réplica de Auga dos Cebros estivo promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre. Ao mesmo tempo, aproveitáronse os traballos para levar a cabo iniciativas de divulgación e sensibilización patrimonial.

Vídeo da creación do molde.

As actuacións desenvolvéronse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que  foi a encargada de acometer os traballos. Para elo, desprazou un equipo técnico composto por varios membros do  profesorado e alumnado. Os anteditos traballos comezaron o sábado día 22 de xuño de 2019 cunha limpeza  dos arredores do petróglifo. Con esta actividade preténdíase retirar a maior parte dos depósitos acumulados na contorna inmediata do sitio arqueolóxico, moitos deles froito do arrastre de materiais xerado polas augas do río.

Nos labores de campo do día 22 participaron membros da Escola, da comunidade de montes de Pedornes e de Costa dos Castros. Así mesmo, e co obxectivo de abrir as actuacións á participación da comunidade local, convocáronse 5 prazas para as persoas que desexaran axudar  voluntariamente.

Na mesma liña de promover a participación e sensibilización da veciñanza, programouse unha visita guiada o 25 de xuño dese mesmo ano na que se explicaron os traballos a desenvolver para a elaboración do molde co que se obterería a réplica de Auga dos Cebros.

Traballo de campo
Segundo as previsións iniciais, os traballos de campo en Auga dos Cebros  desenvolvéronse o sábado 22 de xuño de 2019 e, posteriormente, na semana que foi do luns 24 ao venres 28. A partires de aí, o persoal da Escola comezou o traballo de gabinete para a elaboración da réplica e a análise dos resultados obtidos.

Ademais da limpeza da contorna e a realización do molde e a réplica, a actuación global incluiu a documentación dixital do xacemento (mediante fotogrametría) e a confección dunha diagnose precisa que permitise entender as alteracións pasadas así coma os riscos futuros, entre outras tarefas. Así mesmo, os traballos permitiron avanzar outras medidas de conservación preventiva.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta  importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.

O singular petróglifo de Auga dos Cebros
O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea. Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

A colaboración da Escola

Intentando coordinar aspectos docentes e de investigación, a Escola organiza campañas de traballo dirixidas por docentes e nas que o equipo de traballo está formado polo propio alumnado. Estas campañas teñen o obvio interese de continuar o proceso formativo pero trasladando este a un contexto real, entorno moitas veces carente da comodidade do laboratorio e que esixe emprender un labor en condicións máis complexas e próximas á realidade do traballo profesional.

Vídeo do proxecto

Deixa un comentario

O teu email non vai ser publicado