Proxecto Albania
Proxectos Erasmus+ de cooperación con Albania
Ademais daqueles proxectos que contemplan mobilidades cara a países da Unión Europea e asociados, e ademais do Consorcio CARTES, a ESCRBCG participa tamén de maneira individual na chamada acción KA107, a través da cal se desenvolven proxectos de intercambio e colaboración con institucións de países externos á UE e os seus estados asociados. Da man desta iniciativa, a ESCRBCG implementou un proxecto multilateral que ten como principal obxectivo a cooperación e o intercambio de boas prácticas con destacadas institucións no ámbito da investigación e xestión do patrimonio cultural albanés. Entre elas, as máis importantes ata o momento foron a Universidade das Artes de Tirana, o Instituto de Arqueoloxía de Tirana, o Instituto de Monumentos Culturais “Gani Strazimiri” e a Dirección Rexional de Patrimonio de Vlorë.
No marco deste proxecto, leváronse a cabo diversas actuacións destinadas á formación, a investigación e a difusión das boas prácticas de conservación-restauración en relación ás problemáticas e realidades albanesas e españolas. Entre as mesmas, destaca a organización da “Xornada do Patrimonio Albanés” en Pontevedra, unha xornada de conferencias sobre a situación actual e as perspectivas na conservación de patrimonio, que contou coa presenza dalgúns destacados responsables de Albania nesta área.
Atelieja e Restaurimit 2019 - Berat
Një vit më parë,Një punë e realizuar së bashku...Një monument i restauruar...Atelieja e Restaurimit 2019 mbi Konservimin e pikturës murale në kishën e Shën Kostandinit dhe Helenës në Beratin 2400-vjeçar, trashëgimi botërore.Falënderim për bashkëpunimin, punën e palodhur të ekspertëve dhe kolegëve pjesëmarrës si dhe buzëqeshjet dhe kujtimet e bukura që na kanë dhuruar gjatë punës....#IKTK_KurseTrajnimi#AtelieRestaurimi#QendraRajonalePërKonservimDheRestaurimDRTK Berat #GaliciaConservationSchool
Publicada por Instituti Kombëtar i Trashëgimisë Kulturore en Miércoles, 24 de junio de 2020
Outra iniciativa desenvolvida baixo o paraugas deste proxecto foron diferentes campañas arqueolóxicas e de conservación-restauración en varios sitios arqueolóxicos. Entre eles, o primeiro foi o xacemento clásico de Orikum (Vlorë), onde se produciu ao longo de varios anos unha extraordinaria colaboración entre a ESCRBCG, a Universidade de Xenebra (Suíza) e as institucións albanesas. Outros importantes xacementos arqueolóxicos onde o alumnado tivo a oportunidade de realizar prácticas foron os xacementos de Amantia (Vlorë) e Komani (Shkodër), así como nun seminario de restauración de pintura mural organizado polo Instituto de Monumentos Culturais “Gani Strazimiri” e realizado na cidade de Berat, patrimonio da humanidade da UNESCO.
O proxecto tamén contemplou a acollida na ESCRBCG dun grupo de estudantes e profesionais albaneses para a súa formación técnica e capacitación na conservación-restauración de bens culturais.
Finalmente, o abrigo de arte rupestre prehistórico de Lepenicë foi obxecto dun proxecto arqueolóxico de conservación-restauración dirixido polo noso profesor Fernando Carrera e o arqueólogo albanés Rudenc Ruka, proxecto que ambas partes desexan dotar de continuidade no futuro.
Todas as actividades mencionadas implicaron un amplo número de mobilidades, tanto entrantes como saíntes, tanto de persoal como de estudantes. A implicación da ESCRBCG en Albania parece moi prometedora para o futuro, dado que no curso 2020 comezou o proxecto REACH dirixido pola Universidade das Artes de Tirana, con participación desta institución albanesa, así como da Universidade Politécnica de Tirana, a Universidade de Shkodër e o Centro de Estudos Albanolóxicos do mesmo país, contando tamén coa presenza de importantes institucións italianas (Universidade de Bolonia, Universidade de Urbino e Fondazione Flaminia), sendo finalmente a ESCRBCG a única institución española presente. O proxecto REACH, financiado tamén pola Unión Europea, é un proxecto KA2 denominado de “construción de capacidades”. O seu obxectivo xeral é a capacitación investigadora das institucións albanesas no ámbito da conservación-restauración, así como establecer as bases para uns futuros estudos superiores desta disciplina en Albania.