Entrega dos moldes da varanda da Fonte de Troncoso

Entrega dos moldes da varanda da Fonte de Troncoso

A Escola de Restauración e Conservación de Galicia entrega a Mondariz Balneario os moldes da varanda da Fonte de Troncoso.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia entregou hoxe venres ao Concello de Mondariz Balneario os moldes en silicona da varanda que protexe o edificio de Antonio Palacios. Os moldes foron realizados de forma gratuíta pola Escola e o Concello colaborou na manutención do alumnado e do profesorado do centro.

A xustificación do proxecto xurde con motivo do acto vandálico que sufriu esta fonte monumental o pasado mes de abril, que implicou o deterioro da varanda e a desaparición dun dos catro leóns alados nos que remataba este elemento protector. A Escola realizou unha réplica deste poste con figuración animal, así como dun dos balaústres modernistas engalanados con motivos vexetais que decoran a varanda realizada en Vigo hai máis de 110 anos pola fundición de Antonio Sanjurjo Badía. A realización dos moldes pretende ser tan só o primeiro paso dun amplo proxecto integral de conservación e restauración que debe acometer con urxencia o concello coa axuda doutras administracións.

Documentar e chamar a atención

O proxecto realizado cumpre unha dobre función. Por un lado, documenta para sempre as pezas orixinais a través dun molde tridimensional do que se poderán extraer múltiples réplicas. En segundo lugar, a intervención é tan só unha contribución altruísta e desinteresada en favor deste importantísimo conxunto patrimonial que busca chamar a atención das autoridades e institucións sobre as auténticas necesidades de conservación do conxunto, dignas dun proxecto moito máis ambicioso.

A situación actual da Fonte de Troncoso é pésima e, aínda que o mesmo sucede con outros bens culturais relacionados co Balneario de Mondariz, seguramente este manancial é o exemplo negativo máis destacado e o que debe ser solucionado de maneira máis urxente. A alternativa inminente é a perda total do ben e a súa completa desaparición.    

O proxecto de intervención, dirixido polo profesor da escola José Antonio Quinteiro e coordinado polo profesor Álvaro Arizaga, desenvolveuse durante un total de tres días en xornadas intensivas de 10 horas de duración. Os traballos garantiron que as pezas orixinais utilizadas para facer os moldes non sufriron ningún tipo de afectación e que quedaron no mesmo estado no que se atopaban. 

A Escola pide ao Concello que realice un positivo dos dous moldes que poida ser reposto no lugar do león alado roubado e dos 25 balaústres modernistas orixinais que faltan do seu lugar orixinal ou presentan un severo deterioro.

Na imaxe, momento da entrega dos moldes.
+ información e imaxes sobre o proxecto realizado AQUí.