Consorcio HERDADE
HERDADE (ou “HERDANZA” en lingua galega) é un consorcio Erasmus+
de institucións na busca dun obxectivo común: a interdisciplinaridade e o desenvolvemento académico, investigador e profesional da conservación e restauración do patrimonio cultural na comunidade autónoma de Galicia, en todas as súas múltiples vertentes científicas, educativas, sociais e económicas.
O patrimonio cultural é un ámbito de traballo e estudo no que conflúen múltiples necesidades e intereses, no que actúan múltiples enfoques académicos, científicos e profesionais. Esta diversidade xustifica a creación dun consorcio interdisciplinar como o proposto, no que tódalas institucións que traballan neste ámbito colaboran nun marco común.
Nese sentido, este consorcio propón unir na cooperación a todas as principais institucións neste ámbito en Galicia: na educación superior, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ESCRBCG) e as tres universidades galegas, A Coruña, Santiago e Vigo, en concreto tódalas súas diversas estruturas organizativas de infraestruturas de investigación, departamentos e grupos de investigación afíns a estas áreas. Da mesma maneira, integra tamén á organización de investigación de excelencia específica para esta área na Galicia (Instituto de Ciencias do Patrimonio – INCIPIT-CSIC), así como ó principal órgano asesor do Goberno autonómico en materia de cultura e patrimonio (Consello da Cultura Galega).
As actividades do consorcio serán, nunha primeira fase, mobilidades interesantes para tódolos socios, colectivas ou individuais, que permitan accións comúns con institucións internacionais do ámbito da conservación-restauración e/ou do patrimonio cultural, colaborando na internacionalización desta disciplina e en alcanzar programas de estudos coherentes a nivel internacional. En sucesivas convocatorias o consorcio podería optar a obxectivos máis ambiciosos.