estantería nova

BULE, BULE… CALADIÑOS … ARGALLANDO NA BIBLIOTECA, QUE MEDRA

Dende a biblioteca da ESCRBBCCG levamos todo o curso moi caladiños, bulindo, bulindo cal formigas enredadas nas súas tarefas,

pero estamos en disposición de contarvos o que estivemos facendo e os cambios que veñen!

Dada a nosa falta de espazo no local inicial da biblioteca (22,70 m2), imos tratando de gañar máis para albergar todo o material que temos por catalogar. Este curso colocouse un novo moble de estantes que cobre toda unha parede da sala anexa á da biblioteca, e colocouse unha mesa de traballo alí (22,55 m2).

 Novo espazo da biblioteca na sala adxacente. Moble de estantes de madeira que cobren unha parede completa e espazo de traballo.

Por outra banda, estamos habilitando un dos almacéns da Escola para que funcione como depósito de libros. Está previsto que o próximo curso comecemos a traballar con libros de préstamo no depósito. Con isto gañamos uns 37 m2 máis só para a almacenaxe de libros. Conta con estantes de metal nos que, polo de agora, van quedar os libros que temos duplicados e que xa foron xestionado como tal este curso, así como todos os libros que nos foron doados en cursos anteriores e que aínda estaban en caixas, á espera de seren catalogados.

Espazo do almacén que vai funcionar como depósito. Sacando os libros das caixas e limpándoos.

A biblioteca foi obxecto de traballo dun curso de formación do profesorado, específico do noso centro, para este curso 24-25, no que participamos 8 membros do equipo da biblioteca. O curso consistiu en recibir formación específica sobre xestión da biblioteca, a cargo de Paula Sánchez bibliotecaria do IPCE), así como constituír un grupo de traballo no que reflexionamos, valoramos e tomamos decisións sobre como queremos que medre a biblioteca …e tamén movemos moitos libros!

Segunda sesión de formación do grupo de traballo de formación do profesorado.

Tamén traballamos na “expansión” e difusión da nosa biblioteca máis aló das paredes do noso centro…neses mundos virtuais. Xa formamos parte do Directorio de Bibliotecas Españolas!!!!!

Ademais de mover libros, organizar, xestionar… seguimos a catalogar. Neste mes de maio chegamos ó volume 7000 con un libro ben especial do noso Fondo Histórico: “La prehistoria de la medicina: la medicina de los pueblos primitivos y salvajes”. Un libro sobre antropoloxía que procede da doazón da familia de Manuel Carballal Lugrís.

O volume 7000 do noso catálogo.

Despedimos o curso moi satisfeitos dos pequenos grandes avances e logros conseguidos. Seguiremos argallando!!!

Deixa un comentario

O teu email non vai ser publicado